Afirmar que a Historia é parcial non significa renunciar á súa obxectividade, senón recoñecer desde a honestidade a perspectiva de interpretación. O contexto cultural e ideolóxico é o presuposto no que se apoia a ollada do historiador para formular as súas preguntas, para elaborar a súa narrativa e para dar coherencia aos feitos. É atopar o punto medio entre o que foi e o que somos. Así, a selección das fontes parte tamén dese punto, aparentemente incómodo. A escolla baséase no interese, na hipótese ou incluso na súa dispoñibilidade. Nace así a historia xa con ausencias, ou quizais grazas a elas, pois as siluetas deses baleiros tamén nos revelan unha historia: a que non se fixo, a que nunca se rexistrou ou a que se perdeu.
Os arquivos son o lugar onde se custodian esas fontes, as elixidas e as desatendidas; son o caixón da oportunidade. Nese contexto, o Arquivo Histórico Diocesano de Santiago de Compostela é a memoria da Igrexa e da súa comunidade, o sedimento da súa actividade. Por iso, a conservación e a preservación, como obxectivos primeiros desta institución, non se entenden sen o esforzo de difundir e dar a coñecer este patrimonio. Organizar e describir é abrir a porta ao acceso e, por tanto, enriquecer o diálogo e mellorar a comprensión dos procesos históricos, sociais e pastorais.
No AHDS somos ambiciosos co propósito que emprendemos con esta publicación. Queremos dar voz aos documentos que, no noso papel de arquiveiros e mediadores ante o investigador, manexamos e atopamos impregnados dun momento ou dun proceso histórico que os fai únicos e merecedores de achegar a súa perspectiva.
MAC nace coa pretensión de mostrar fontes que ensanchen a narrativa, de cercar o sesgo ofrecendo novas oportunidades de diálogo, en definitiva, de enriquecer as condicións da oportunidade. Aportar un pouco de opacidade para ir esvaecendo as siluetas, evitando que o brillo dunha soa interpretación nos eclipse. É, ao cabo, unha ferramenta non só de difusión, senón tamén de comprensión.
O noso primeiro artigo, asinado polo noso conservador, refírenos a receita da boa tinta; creo que é a congruencia dun bo comezo. Queremos ser a tinta que transmita as ideas e tamén que MAC sexa o soporte. O mellor exemplo sería o artigo do noso técnico Damián que presenta o lobo, un dos medos ancestrais da noso imaxinario, como punto de partida dunha viaxe arredor do patrimonio, da etnografía e da ecoloxía. Unha das combinacións que en MAC agardamos poder presentar nos nosos contidos. O escrito vai do presente ao pasado e logo, dende alí, fainos ollar e comprender, contribuindo a coñecer a memoria da construcción social actual, axudando a mellorar a comprensión de nós mesmos coma sociedade, a propoñer camiños novos ou recuperar vellos, una lectura reflexiva.
Aspiramos a moito, pero paso a paso, firmes e seguros. Pedimos a colaboración de todos os nosos usuarios, da familia do AHDS e de todo aquel que queira contribuír a facer desta publicación o que pretende ser: un órgano de difusión e diálogo. A expresión das inquedanzas e a ágora do intercambio de propostas. Queremos que a imaxe do AHDS sexa a dunha institución viva, que interactúa cos seus usuarios e que activamente procura que os seus fondos saian e se mostren, porque ese é o sentido de todo arquivo. Pido tamén crítica, porque tamén constrúe, porque ninguén escapa ás ausencias e tampouco queremos brillar e deslumbrar, senón cimentar, para que sexa a historia a que ilumine os feitos e esta se constrúa co morteiro do documento.
