Normas para Autores
A lingua vehicular da publicación é o galego, aínda que tamén se aceptarán textos redactados noutras linguas maioritarias do ámbito científico.
Os artigos enviados a MAC deberán ser inéditos, orixinais e non estar sometidos a avaliación noutras revistas. A publicación non comporta ningún custo para os autores nin tampouco xera compensación económica. Xunto co texto deberá remitirse unha carta asinada na que se declare expresamente a orixinalidade do traballo e a súa non publicación previa, e na que se inclúan os datos do autor (nome, correo electrónico, grao académico e, se procede, filiación institucional). Os traballos enviaranse exclusivamente en formato Word (.doc ou .docx) ao enderezo mac(@)ahds.es, indicando no asunto “MAC – Texto”, e non se admitirán arquivos PDF nin outros formatos.
A extensión dos artigos deberá situarse entre un mínimo de 5.000 caracteres (aproximadamente dúas páxinas) e un máximo de 18.000 palabras, arredor de 30–32 páxinas, salvo excepción autorizada polo Consello de Redacción. O texto redactarase con fonte Calibri, tamaño 12 para o corpo principal e 10 para as notas ao pé, cun interliñado de 1,5 en todo o documento, incluíndo citas longas e bibliografía. A primeira liña de cada parágrafo levará unha sangría de 0,7 cm, excepto nos epígrafes, e o texto deberá ir totalmente xustificado, evitando liñas en branco innecesarias. As siglas e abreviaturas que se utilicen no artigo deberán explicarse claramente nunha nota inicial, para garantir a claridade do texto.
Os cadros, gráficas, mapas, fotografías e ilustracións mencionados no traballo deberán estar referenciados e integrados no discurso, titulados e numerados de maneira secuencial, e acompañados dos correspondentes pés de imaxe e indicación das fontes. Colocaranse inmediatamente despois do parágrafo no que son citados. As imaxes entregaranse en ficheiros dixitais independentes, en formato JPG ou TIFF e cunha resolución de 240 ou 300 dpi. Será responsabilidade do autor obter os permisos de reprodución das imaxes cando estes sexan necesarios. Ao final do artigo incluirase a bibliografía, redactada en Calibri tamaño 10 e con interliñado sinxelo, ordenada alfabeticamente. Só se incluirán as obras citadas, agás que o autor determine ampliar a bibliografía por razóns xustificadas. As referencias nas notas e na bibliografía seguirán o sistema detallado nas presentes normas.
A revista tamén aceptará reseñas orixinais e inéditas de obras recentes relacionadas cos ámbitos temáticos de MAC. Estas deberán presentar brevemente o contido e autoría da obra, contextualizala e ofrecer unha valoración crítica fundamentada. O encabezamento incluirá os datos completos da publicación reseñada, e as reseñas axustaranse ao mesmo formato que os artigos.
A avaliación dos traballos está a cargo do Consello de Redacción, que determinará a adecuación dos textos aos criterios de calidade, temática e formato da revista. Os artigos que non cumpran os requisitos mínimos poderán ser devoltos sen avaliación completa. A revista informará ao autor da decisión adoptada e, se procede, solicitará as correccións oportunas. O correo electrónico será o único medio de comunicación válido durante todo o proceso.
A revista resérvase o dereito de realizar correccións menores de estilo. Durante a edición, os autores poderán ser consultados para aclaracións puntuais. O incumprimento dos prazos de revisión poderá supor a non publicación do traballo. Durante a corrección de probas non se admitirán engadidos nin modificacións substanciais. Os autores disporán dun prazo máximo de quince días naturais para revisar as primeiras probas e, de non facelo, entenderase que aceptan as correccións da Redacción.
As opinións contidas nos artigos publicados son responsabilidade exclusiva dos seus autores, que conservan os dereitos sobre os textos orixinais. Os materiais publicados en MAC, independentemente do soporte, son propiedade do Arquivo Histórico Diocesano de Santiago de Compostela e deberá citarse sempre a súa procedencia. Calquera reprodución, distribución, comunicación pública ou transformación requirirá autorización expresa e por escrito. As ligazóns aos artigos deberán realizarse unicamente a través da URL oficial da revista.
De acordo co Regulamento Xeral de Protección de Datos (RXPD), infórmase de que os datos persoais enviados ao correo mac@ahds.es serán tratados exclusivamente para os fins editoriais e de acordo coa normativa vixente.
Normativa das referencias:
Libro dun só autor:
Apelido, Nome. Título completo. Cidade: Editorial, ano.
Libro de dous autores:
Apelido, Nome, e Apelido, Nome. Título completo. Cidade: Editorial, ano.
Libro de tres ou máis autores:
Apelido, Nome, Apelido, Nome e Apelido, Nome. Título completo. Cidade: Editorial, ano.
Artigo en libro:
Apelido, Nome. “Título do artigo”. En Título completo, editado por Apelido, Nome e Apelido, Nome 45–50. Cidade: Editorial, ano.
Artigo en revista:
Apelido, Nome. “Título do artigo”. Título da revista 10, no. 2 (ano): 45–90.
Artigo de prensa:
Apelido, Nome. “Título do artigo”. Título do xornal, Cidade, 15 de marzo de 2025.
Tese:
Apelido, Nome. “Título da tese”. Tese de grao/máster/doutoramento, Universidade, ano.
Fontes de arquivo:
Nome completo do arquivo (Sigla), Fondo, Sección, Serie, Signatura, Fol. Fecha
Publicacións en internet:
Apelido, Nome. Título completo. Cidade: Editorial, ano. https://doi.org/xx.xxxx/xxxx.
