
Un caso clínico de carbúnculo na Galicia rural do S. XIX
A partir dunha partida de defunción conservada no Arquivo Histórico Diocesano de Santiago, este artigo reconstrúe a historia de Juan García, veciño da parroquia de Fao (Touro), falecido en 1856 a consecuencia dun carbúnculo. O documento permite achegarse ás prácticas médicas, relixiosas e sociais da Galicia rural da época, reflectindo a actuación do párroco ante unha morte repentina e as crenzas arredor da enfermidade e da salvación da alma. O estudo contextualiza ademais esta doenza, hoxe coñecida como ántrax, relacionándoa cos avances científicos de Koch e Pasteur e co seu impacto no mundo rural galego ata ben entrado o século XX.


