A estampa podería asemellarse á do cadro “Viático na aldea” de Enrique Martínez Cubells, datado en 1899, que pertence ós fondos do Museo do Prado.
Só teríamos que cambiar unha aldea descoñecida de Asturias pola de Bustelo, na parroquia de Santa Uxía de Fao, en Touro.
E retroceder no tempo, ata o ano 1858.
Unha familia da aviso ó señor cura de que o home da casa está grave e préganlle que corra.
O cura e o mónago bulen.
O cura co viático dentro dun pequeno recipiente de metal, que colga do seu pescozo.
O mónago cunha campaíña que abana e o santo crisma.
Hai mulleres que ó seu paso deixan as súas ocupacións e persígnanse.
Outras únense ó cortexo, malia a urxencia.
O señor é o meu pastor, nada me falta
Neste contiño de pastos, pastoras e pastores, o cura, nada máis entrar na casa e velo estado do seu fregués, dase de conta de que é tarde e non poderá confesalo ou darlle a comuñón.
Cambia a unción de ollos, ouvidos, nariz, boca, mans e pés, por unha na fronte.
Recita a ladaíña dos moribundos, cun grande pesar.
E antes de marchar, agasalla á familia ou quen sabe se a si mesmo cos versos dun salmo de confianza, que di así: “Dominus regit me, et nihil mihi deerit…”. O que ven sendo: “O señor é o meu pastor, nada me falta…”.
Regresa á igrexa co viático intacto, o mónago, a campaíña e as crismeiras.
Máis tarde, cando redacte a partida de defunción, descargará toda a responsabilidade na familia, que lle avisou demasiado tarde.
Isto quere dicir que, se por casualidade a alma do seu parroquiano se perdese e deambulase sen descanso polos camiños de Fao, non sería cousa súa.

AHDS. Fondo Parroquial de Santa Uxía de Fao. Serie Libros Sacramentales P011155. Folio 91 recto.
«En el cementerio de la Parroquia de Santa Eugenia de Fao, a veinte y seis de Agosto de mil ochocientos cincuenta y seis, se dio sepultura al cadaver de Juan Garcia, vecino de esta Parroquia y oriundo de la Santiago de Andeade, marido que era de Maria Mendez, natural de esta dicha de Fao: falleció el dia anterior, a consecuencia de un carbunclo que se le habia formado en el brazo izquierdo; su mujer e hijos creyendo que la enfermedad no era de gran peligro, se demoraron con darme aviso de su enfermedad; habiendolo echo cuando se hallaba en los ultimos momentos de su vida, pues sucumbió al cuarto dia de haberle atacado la expresada enfermedad, por lo que ha muerto, sin recibir ningun sacramento, ni hacer disposición alguna; asistieron a nueve señores sacerdotes y las honras y mas funciones estan por hacer, teniendo obligacion su mujer e hijos de pagarlas, cuyo cumplimiento se anotará al margen cuando lo verifiquen. Y para que conste lo firmo como cura economo de la expresada de Fao, fecha ut supra». Jose Puga
Tamén escribirá na partida que o home falecera por causa dun carbúnculo, que se lle formara no brazo esquerdo.
O contacto cotiá coa morte do señor cura tiña agudizado o seu ollar clínico.
Koch, Pasteur e a enfermidade dos pastos malditos
O noso pastor de almas fora quen de identificar a malignidade da pústula do carbúnculo no brazo do seu fregués, pero descoñecía por completo cal era a causa desta doenza, que cada certo tempo atacaba con virulencia.
Non sabía que o carbuco era unha zoonose: unha enfermidade que afectaba ó ganado e que se transmitía ocasionalmente ós humanos polo contacto co animal infectado e os seus restos.
A súa dilatada experiencia non lle permitiu relacionar a morte repentina de “Pastora”, a vaca do parroquiano co seu posterior falecemento.
Isto foi o que fixo Koch no 1876, cando demostrou que a causa do carbúnculo era un bacilo, Bacillus anthracis, a miúdo presente nos lugares onde pacía o gando e capaz de contaxiar a animais e humanos.
En 1881, outro “Pastor” chamado Louis Pasteur abriu o camiño para a erradicación desta enfermidade, coñecida en Francia como o mal dos “pastos malditos”, cunha vacina para o gando.
Pero, malia todos estes avances, a escena do párroco de Fao tivo réplicas en Galicia ata ben entrado o século XX.
Durante anos sucedéronse outras mortes dramáticas de Pastoras e dos seus pastores e pastoras.
Houbo tamén moitas escenas de carreiras apresuradas de médicos armados con ferros candentes para cauterizar a pústula do carbúnculo e de curas e mónagos, con todos os adminículos para administrar o viático.
E novas almas a vagar polas “corredoiras”, por non ser quen de traspasar o limiar que separa o mundo dos vivos do dos mortos.
